Campañas CAAN >> Campaña de identificación

E ti, de quen vés sendo? Campaña de información sobre a identificación canina

Neste apartado poderás atopar toda a información que precisas sobre a identificación oficial do teu can:

$imagen.alt.getData()

É obrigatorio identificar o teu can? En Galicia, desde o ano 2002, a identificación é obrigatoria para todos os cans a partir dos tres meses de idade e o microchip é o único método oficial admitido. O incumprimento desta obriga leva consigo sancións de entre 300 e 2.400 euros.

Que é un microchip? É un dispositivo electrónico de pequeno tamaño que responde ó sinal que lle envía o lector de microchips emitindo un código numérico único, que vén asinado de fábrica.

Que vantaxes ofrece? A identificación con microchip constitúe o método máis fiable para atopar o teu can no caso de que este se perda ou sexa subtraído.

Quen pode implantalo? A implantación do microchip constitúe un acto clínico que unicamente poderá realizar un veterinario acreditado pola Xunta de Galicia para a inclusión do animal no rexistro oficial da Comunidade Autónoma.

Que información contén? O sinal que emite o microchip é simplemente un código numérico, se ben este poderá ser consultado no rexistro oficial por veterinarios autorizados, forzas de seguridade e autoridades locais, que serve para identificar os datos de contacto do seu propietario.

É necesario fóra de Galicia? O microchip tamén é obrigatorio no resto do Estado e para desprazar o animal fóra das nosas fronteiras, especialmente na Unión Europea. O can, neste caso, deberá ir sempre acompañado do seu pasaporte europeo, onde figurarán os seus datos sanitarios e o número de microchip.

No Centro de Acollida e Protección de animais de Armenteira poñemos o noso gran de area entregando correctamente identificados todos os animais que son adoptados no centro, premiando con este xesto a aqueles que optan por esta acción solidaria.

Identifica o teu can! É o mellor que podes facer por el!